A universidade remata o Nadal con música de diferentes épocas.

Ópera, música brasileira, zarzuela e ata unha composición dedicada a estas datas de Nadal. Músicas de diferentes épocas e xéneros compartiron espazo no repertorio que a Orquestra Sinfónica despregou na noite deste mércores no tradicional Concerto de Nadal da Universidade Carlos Casares. Baixo a dirección de Javier Alonso, 46 músicos protagonizaron un espectáculo que contou coa participación do reputado trompetista Rubén Simeó como solista e que reuniu varios centos de persoas no auditorio do Pazo da Cultura.

Entre as actividades recollidas no convenio de colaboración que a Universidade asinou o pasado ano coa Orquestra Sinfónica figuraba a celebración deste Concerto de Nadal, que durante tres anos iría rotando a súa sede entre os diferentes campus da institución académica. Así, este mércores celebrouse o tradicional concerto que busca cada ano promover a unión da comunidade universitaria nas datas posteriores ao Nadal. Organizado desde a nova dirección da universidade, o evento contou coa asistencia do vicerreitor, Carlos Varcárcel, e de gran parte do equipo de goberno da Universidade, xunto coas concelleiras de Promoción Económica, Turismo e Universidade, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.